Sen Churre nin Kevin para viaxar a Gran Canaria

Pontevedra
30 de abril 2019

O central viu ante Unión Adarve a súa décima amoestación do curso, polo que causará baixa por sanción no próximo encontro ligueiro. Adrián Léon, con problemas físicos tras o duelo do domingo, si espera estar en condicións de viaxar

Visita do Pontevedra CF ao CEIP Espedregada de Raxó
Visita do Pontevedra CF ao CEIP Espedregada de Raxó

Dixerida a dolorosa derrota ante o Unión Adarve, o Pontevedra centra xa a súa mirada no próximo compromiso ligueiro, de novo a domicilio e sobre o temido céspede artificial (4 de 21 puntos esta tempada), que lle enfrontará o vindeiro domingo 5 de maio ao filial da UD Las Palmas.

O conxunto granate enfrontarase a un rival que pelexa pola permanencia, ao ocupar actualmente posto de play-out, e farao cunha importante baixa na liña defensiva.

Víctor Vázquez 'Churre' non poderá viaxar cos seus compañeiros a Canarias ao ter que afrontar un encontro de sanción. O central viu en Madrid a súa décima amoestación do curso.

Churre únese desta forma a Kevin Presa na lista de ausencias que obrigará de novo a variar o once inicial de Luismi. No caso do centrocampista, que sufriu unha rotura fibrilar a pasada semana, será a súa evolución o que marque a dispoñibilidade en próximas datas, aínda que se antolla case imposible que chegue a tempo para o duelo ante Las Palmas ao non querer arriscar unha recaída que poña punto e final á súa tempada.

No inicio da semana tampouco se exercitou co grupo Adrián León, no seu caso por molestias musculares que en todo caso espera non lle supoña problema para poder xogar a fin de semana. De feito a previsión é que, se evoluciona favorablemente, poida sumarse ao traballo co resto dos seus compañeiros tras a xornada de descanso habitual dos martes.

VISITA A UN COLEXIO EN RAXÓ

Coincidindo precisamente coa xornada de descanso, un grupo de futbolistas do primeiro plantel protagonizaron unha visita a un centro escolar da comarca, concretamente ao Centro de Ensino Infantil e Primario de Espedregada, en Raxó.

Alí Nacho López, Rubén Ualoloca, Adrián León e David Castro, acompañados dos técnicos Jesús Ramos e Miguel Arcos e do conselleiro Roberto Feáns, compartiron experiencias cos escolares e animáronlles a sumarse á práctica deportiva.