Insípido empate da Escola Xadrez Pontevedra no seu debut en casa na División de Honra galega

Pontevedra
06 de marzo 2023

O equipo pontevedrés foi incapaz de superar e un equipo recentemente ascendido formado por prometedores novos xadrecistas. No resto de encontros de categorías inferiores, os equipos da EXP só puideron sumar dous triunfos

Xornada de xadrez organizada pola Escola Xadrez Pontevedra na Facultade de Ciencias da Educación
Xornada de xadrez organizada pola Escola Xadrez Pontevedra na Facultade de Ciencias da Educación /

Nova xornada de xadrez no Campus Universitario de Pontevedra. A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e xa un punto de referencia do xadrez da provincia. O Torneo Internacional de xaneiro, a Liga Galega, as materias do alumnado de maiores, TFM, investigacións e outras actividades, consolidan a presenza do xadrez.

O día serviu para asistir ao debut na casa para primeiro equipo da Escola Xadrez Pontevedra Estratexia pola Paz (EXP), que non puido pasar do empate a tres fronte ao recentemente ascendido, Benchoshey de Pereiro de Aguiar. Os veteranos do equipo están a ter un frouxo comezo de liga que fai saltar as primeiras alarmas.

O empate deixa a EXP no quinto posto da xeral con 6,5 puntos, dous menos ca o líder, o Círculo Chantadino, único equipo que puido acadar a vitoria nos dous encontros disputados.

Nesta xornada, os equipos da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo sumaron 2 vitorias, 1 empate e 4 derrotas. Caeu o Ramón Escudeiro Tilve no seu debut na casa. 1,5 a 2,5 para o Xadrez Bueu A, un dos favoritos deste grupo D para acadar o ascenso á máxima categoría, a División de Honra. Na Segunda División o EXP Non á violencia de xénero foi derrotado, 1 a 3, polo Liceo Pueblense.

E na terceira categoría chegaron as vitorias da xornada, o EXP-Concello de Pontevedra sube ao primeiro chanzo tralo seu 0 a 4 na casa do Xadrez Albariño, e o EXP-Chess Cares derrotou 2,5 a 1.5 ao Xadrez Marín. Tamén na terceira, caía o EXP-Universidade de Vigo na casa, 0 a 4 fronte ao Cultural Deportiva Portas; e o EXP-Zona Informática, 3 a 1, na súa visita ao Academia Enot.

Na División de Honra, o EXP enfrontábase a un equipo recén ascendido, formado por xadrecistas moi novos e que debutaron con vitoria. Así foron quen de poñer de manifesto as debilidades dos máis veteranos do equipo pontevedrés. Víctor Miguel, Daniel Rivera e Pablo García, xa deran sinais de non andar moi finos a semana pasada, aínda que sumaron unha vitoria e dous empates.

E foi desta que se confirmou, tan só Rivera sumaba un empate. O capitán caía estrepitosamente, xogando mal a apertura, mal o medio xogo, e non aproveitando a única ocasión. Víctor Miguel non sacou proveito de xogar coas pezas brancas. Rexeitou a oferta de empate do seu rival cando lle quedaba pouco tempo, e rematou por perder a partida.

Foron os máis novos os que tiraron deste encontro. David García cazou nun tema táctico ao rival, forzando pola vía rápida o seu abandono. Rubén Fernández non deu opción a vixente campioa galega, Inés Prado, e Alberto Portela empataba no primeiro taboleiro fronte a Artai Bringas.