Intratable o Cortegada, que case dobra o Arxil no marcador final (88-52)

Pontevedra
21 de outubro 2018

As pontevedresas levan tres xornadas consecutivas sen coñecer a vitoria, o que as manterá na parte baixa da clasificación se non lle dan un xiro á súa dinámica

Partido entre Cortegada e Arxil en Fontecarmoa
Partido entre Cortegada e Arxil en Fontecarmoa / Diego Torrado

Unha vez máis, as mulleres de Mayte Méndez caeron no derbi ante o Cortegada. Desta forma, as pontevedresas suman xa tres derrotas nas tres xornadas de liga, o que as mantén na parte baixa da clasificación ata que non consigan cambiar a súa sorte.

Durante todo o partido o control foi das arousanas, que se mantiveron sempre por diante no marcador. De novo, ás arxilistas custoulles meterse no xogo e, o máis importante, manterse para optar a recortar distancias co Cortegada. O primeiro parcial levouno este último por unha diferenza de 10 puntos (24-14).

Tras o pequeno descanso, máis do mesmo, só que ás pontevedresas aínda lles custou máis chegar ao aro, conseguindo sumar só 9 puntos, fronte aos 22 locais. Isto foi consecuencia de importantes erros nas accións ofensivas das de Méndez, ademais de non formar un bo bloque defensivo. Ofrecéndolles a facilidade ás do Cortegada de liderar o marcador. Desta forma, os equipos fóronse ao descanso cun 46-23. A anfitrioas xa dobraban ás verdes.

O paso polos vestiarios non ocasionou gran cambio. Parecía que as do Arxil estaban un pouco máis centradas na pista e conseguiron igualar en certo xeito ás líderes do encontro, pero sen lograr reflectilo no resultado final antes do comezo do cuarto definitivo (67-40). O partido xa estaba decidido.

Máis do mesmo durante os últimos 10 minutos. Notábase o cansazo das pontevedresas, que non acertaron máis que 12 puntos, fronte aos 21 dos seus rivais. As locais mantivéronse durante todo o encontro xa non só por encima no marcador, senón case dobrando os puntos arxilistas.

Finalmente, as pontevedresas terminaron unha xornada máis nin coñecer a vitoria, nesta ocasión no esperado derbi (88-52).

Consulta a acta do Cortegada-Arxil.