Investigan o intento de compra do Badajoz-Pontevedra en Primeira RFEF

Pontevedra
23 de xaneiro 2024

Segundo informa o Diario ABC dous ex-xogadores granates, porteiro e defensa, alertaron do intento de compra por parte de membros do club estremeño poñendo o caso en coñecemento da entidade de Pasarón e da Asociación de Futbolistas Españois (AFE). Aquel encontro, cos granates xa descendidos, finalizou con triunfo do Badajoz por 1-0

Partido entre Pontevedra e Badajoz en Pasarón
Partido entre Pontevedra e Badajoz en Pasarón / David Rodiño

O Pontevedra Club de Fútbol viuse no medio dunha investigación xudicial por un presunto intento de compra dun partido da pasada tempada, cando militaba en Primeira RFEF, aínda que non como parte implicada no posible amaño.

Segundo publica este martes o Diario ABC dous futbolistas granates que xa non se atopan na entidade, porteiro e defensa, recibiron chamadas de membros do CD Badajoz para tentar pactar un resultado para o encontro entre ambos os equipos disputado no Estadio Nuevo Vivero na penúltima xornada do campionato, cos pontevedreses xa descendidos e o equipo estremeño pelexando por unha permanencia que finalmente non conseguiu.

Tal e como explica o diario nacional e puido confirmar PontevedraViva, os xogadores do Pontevedra alertaron da situación os capitáns do plantel e o club, explicando as chamadas que recibiran. Ademais informaron á Asociación de Futbolistas Españois (AFE), que é a que traslada finalmente a información á Real Federación Española de Fútbol para que o organismo federativo terminase denunciando no xulgado un presunto delito de corrupción no ámbito deportivo.

Ambos os dous futbolistas, titulares habituais a pasada tempada, non xogaron o citado encontro, que terminou con resultado de 1-0 a favor do Badajoz cun desafortunado desenlace, xa que o tanto chegou tras un clamosoro erro do gardameta Álvaro Cortés.

En canto ao intento de amaño, segundo relata ABC, un futbolista do primeiro plantel pacense (Jannik B.) que compartía axencia de representación co central do Pontevedra sería o que telefonou primeiro ao xogador granate, dous días antes do partido, para deslizar a posibilidade de arranxar un resultado, e un día despois un traballador da súa empresa de representación chamoulle para ofrecerlle un contrato co Badajoz para a seguinte tempada. No caso de descenso e non poder cumprir o compromiso, sinala a investigación, garantiríaselle un pago de 10.000 euros.

O movemento repetiuse co porteiro titular en Pasarón a pasada tempada, recibindo unha chamada dun membro do corpo técnico do rival co que coincidira no pasado (Javier M.) que lle mostraba a intención de contar con el a partir da seguinte campaña.

A investigación do caso foi tutelada polo Centro Nacional Policial de Integridade no Deporte e as Apostas (Cenpida).