Inxección de 800.000 euros da Deputación ao deporte provincial

Pontevedra
28 de xullo 2023

"O deporte será un auténtico piar estratéxico deste mandato e contará co respaldo do Goberno provincial", asegura o presidente da Deputación, Luis López

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres unha liñas de axudas para o deporte provincial, especialmente para os clubs náuticos.

"O deporte será un auténtico piar estratéxico deste mandato e contará co respaldo do Goberno provincial", explicou o presidente da institución Luís López, á hora de detallar as subvencións.

Son en total 800.000 euros, dos que 500.000 destinaranse a apoiar os gastos de competición, adestramento, material ou coberturas sanitarias de 50 clubs deportivos náuticos da provincia e outros 300.000 para que 163 entidades deportivas poidan organizar campionatos, eventos e actividades na provincia durante este ano 2023.

As axudas ao deporte náutico contemplan recursos para entidades de piragüismo, remo e vela que participan en competicións federadas oficiais no ano 2023. Do medio millón de euros, 280.000 dirixiranse a 25 clubs de piragüismo de 17 concellos da provincia, outros 145.000 euros irán destinados a 14 clubs de remo de nove concellos e, finalmente, beneficiaranse de 75.000 euros 11 clubs de vela.

No que respecta ás axudas por valor de 300.000 euros para a organización de campionatos, eventos e actividades deportivas na provincia, das que se benefician 163 entidades, 180.000 euros irán para 43 clubs que organizan este ano competicións deportivas federadas oficiais de ámbito estatal ou internacional.  Os últimos 120.000 euros destinaranse a 120 clubs que organizan nas 2023 competicións deportivas oficiais e non oficiais, de todos os ámbitos territoriais, federadas ou non federadas.