Irene Trabazo e Gonzalo Inguanzo, vencedores na Copa de España de Ciclocrós de Les Franqueses

Pontevedra
30 de outubro 2023

É a primeira vitoria internacional absoluta da corredora marinense, que se impuxo en solitario na proba disputada en Cataluña. Na carreira masculiuna gañou Inguanzo, ciclista cántabro do Froiz, nun duelo con Mario Junquera, novo líder da Copa de España

Irene Trabazo, na Copa de España de Ciclocrós de Les Franqueses Real Federación Española de Ciclismo

Primeira vitoria nunha proba absoluta de categoría internacional para a marinense Irene Trabazo, vencedora na Copa de España de Ciclocrós de Les Franqueses celebrada esta fin de semana en Cataluña.

A ciclista do XSM, que chegaba á cita como quinbta clasificada da xeral da Copa de España, aproveitou a ausencia das favoritas para impoñerse tras unha notable remontada. Trabazo alcanzou o trío que marchaba na cabeza a catro voltas do final e marchou en solitario para levantar os brazos na meta final con 21 segundos de vantaxe sobre Sara Bonillo e Nahia Arana, segunda e terceira respectivamente.

Tamén tivo acento pontevedrés a carreira masculina absoluta, con triunfo dun corredor do Supermercados Froiz como Gonzalo Inguanzo.

O cántabro superou nun bonito duelo o gran favorito e novo líder da xeral, Mario Junquera, ao que avantaxou en 10 segundos en meta. Terceiro foi o sub-23 Raúl Mira a 47 segundos e cuarto outro ciclista do Froiz, Miguel Rodríguez.

En Les Franqueses sumou ademais un novo triunfo esta tempada a marinense Lorena Patiño (XSM) na categoría júnior, por diante da súa compañeira de equipo Marta Estévez e de Irati Aranguren. Quinta finalizou ademais Aroa Otero (Froiz).