Pontevedra pechou este domingo unha fin de semana repleta de ciclocrós.
O hipódromo de Campañó acolleu o sábado o IV Trofeo Concello de Pontevedra, proba enmarcada dentro da Copa Galicia e organizada polo Club Deportivo Pinarium. Os grandes triunfadores nesta primeira xornada foron o monfortino Saúl López (Maceda) e a asturiana Paula Díaz (Río Miera), que competiu para prepararse para o certame estatal que se celebrou ao día seguinte.
A segunda xornada chegou o domingo na Illa das Esculturas coa penúltima cita puntuable para a Copa de España de Ciclocrós, que deixou ao cántabro Ismael Esteban, matematicamente campión da edición 2019. O ciclista finalizou as sete voltas nun tempo de 1:02:25. Por detrás del, o campión de España Sub-23, o galego Iván Feijoo finalizou a proba en 1:03:04.
Na categoría elite masculina, o segundo clasificado foi Andrew Juliano (1:04:16) e o terceiro foi Daniel Ania (1:06:33). En categoría sub-23 masculina, en segundo lugar quedou Xavier Murias (1:04:38) e en terceira posición Gonzalo Inguanzo (1:05:37).
Pola súa banda, en categoría feminina aínda non está decidido o título elite. A proba celebrada en Pontevedra foi un continuo man a man entre Lucía González (41:29) e Aida Nuño (41:30), para finalmente resolverse nos últimos metros da última volta cunha diferenza dun segundo. En terceiro lugar finalizou a cántabra Paula Díaz (44:47), seguida da marinense Irene Trabazo que se proclamou campioa da categoría sub-23 cun tempo de 45:22.
A Trabazo seguírona Paula Suárez (46:15) e Carla Fernández (47:53), que alcanzaron a meta en segundo e terceiro lugar da categoría sub-23.
A última cita da competición nacional celebrarase no mes de xaneiro na Illa das Esculturas.