Cun pleno. Así pechou Irene Trabazo a súa participación este ano na Copa Galicia de Ciclocrós, que a fin de semana gozou das súas dúas últimas citas no Porriño e Maceda.
En ambas as dúas carreiras a marinense demostrou ser a gran dominadora do campionato autonómico, con vitoria nas cinco probas puntuables.
Trabazo venceu a xornada do sábado no Porriño cunha gran superioridade traducida en cinco minutos de vantaxe sobre a Sub-23 Carla Fernández e algo máis sobre Xiana Conde.
Tras ese resultado só con terminar en Maceda o domingo era suficiente para ser campioa. Aínda así o que chegou foi outro triunfo nunha proba condicionada nesta ocasión polo barro que endurecía o circuíto. Bateu de novo a Carla Fernández e estivo escoltada no podio elite por Xiana Conde e María Jesús Barros.
Saúl López (Maceda) foi á súa vez o dominador na categoría masculina vencendo como Trabazo nas cinco carreiras disputadas.
O ciclocrós autonómico prepárase agora para pechar a súa tempada o vindeiro domingo 27 de decembro coa celebración en Ferrol do Campionato Gallego.