Dúas semanas quedan á Sociedad Deportiva Teucro para poñerse a punto de cara ao comezo da tempada na División de Honra Prata, e Irene Vilaboa quere chegar á cita co seu equipo plenamente preparado para a competición.
A adestradora do equipo pontevedrés puxo 'deberes' aos seus para esta tempada, na que espera que suba o nivel do equipo para non pasar tantos apuros como o curso pasado.
O obxectivo pasa por "subir a intensidade ao que xogabamos o ano pasado", e niso traballan, tal e como asegurou este mércores tras vencer 41-32 ao Lavadores nun amigable celebrado a porta pechada no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra.
O encontro serviu ademais para "ir collendo ritmo de competición os xogadores novos, que se vaian adaptando ao estilo de xogo", incidindo en especial no traballo defensivo co 6-0 e o 5-1 e tamén nos cambios ataque-defensa.
Ademais do amigable contra Lavadores, o Teucro afrontará unha segunda cita preparatoria esta semana, concretamente este venres 10 de setembro recibindo no Municipal o BM Xiria (21.00 horas), un partido que poderán presenciar en directo os socios teucristas.