A organización de Ironman publicou as listaxes definitivas dos triatletas clasificados para o Campionato do Mundo de Kona, Hawaii, na categoría profesional, no que estará por primeira vez Saleta Castro.
A deportista pontevedresa é un dos catro españois que estarán na meca do tríatlon.
Saleta, despois da súa sexta praza no Europeo de Frankfurt e o segundo de Maastricht, unido ao cuarto posto no recente 70.3 de Dublín, concluíu na posición 37 do ránking clasificatorio con 4.770 puntos, polo que estará entre as 40 mulleres que disputarán a proba o próximo mes de outubro. O corte quedou situado finalmente nos 4.605 puntos.
A carreira, na que afrontará 3,8 quilómetros de natación, 180 quilómetros de ciclismo e un maratón final, celebrarase o día 8 do citado mes, polo que a triatleta pontevedresa traballa xa en chegar no mellor estado de forma posible.
Ademais de Saleta Castro, participará na categoría feminina a española Guru Frades, sétima do ránking, mentres na masculina estarán Eneko Llanos (sexto na clasificación) e o galego Iván Raña (42º).