"Como buena novata que soy estoy alucinando con todo". Son palabras de Saleta Castro desde Hawaii, onde a través das redes sociais transmite as súas primeiras sensacións na meca do tríatlon.
A triatleta pontevedresa fará realidade o seu soño o vindeiro sábado, 8 de outubro, ao participar no Campionato do Mundo Ironman en Kona, na categoría reservada para os profesionais.
Polo momento tenta aclimatarse ás illas con adestramentos suaves nos que aproveita para coñecer o circuíto da carreira, como a baía de Kailua na que "después de tantos años viendo el Pier en fotos y vídeos" puido nadar estes días.
Saleta deberá completar un esixente percorrido de 3,86 quilómetros de natación, 180,2 quilómetros de ciclismo e un maratón a pé. Todo desde as 18:30 horas do sábado (hora española) e ante as mellores especialistas mundiais do tríatlon de longa distancia, xa que só participan na proba as 40 mellores clasificadas do ránking internacional.
Será a deportista máis nova da delegación profesional española, no que supón un premio ao seu esforzo e traxectoria despois dun final de tempada no que superou obstáculos para lograr os puntos necesarios que lle deron o pasaporte a Hawaii.
"Vayas por donde vayas se respira el ambiente Ironman", recoñece entusiasmada a pontevedresa, que ademais aproveita estes días para empaparse da cultura hawaiana e realizar actividades como o submarinismo.
Unha experiencia única na que hai unha figura clave, o seu adestrador Luc Van Lierde, toda unha lenda en Hawaii tras conseguir gañar dúas veces o Campionato do Mundo, en 1996 e 1999, e ao que lle dá as grazas "por creer en mí".