O taekwondista marinense Iván García (+87 kg, Mat's) despediuse do Campionato do Mundo de Wuxi (China) nos oitavos de final tras caer fronte ao surcoreano Sanghyun Kang, nun intenso combate que se decidiu no terceiro asalto.
O coreano, que máis tarde se proclamaría campión do mundo, necesitou de todo o seu repertorio para imporse a Iván nun dos duelos máis igualados da xornada inaugural.
No seu debut, Iván asinou unha sólida vitoria ante o representante de Senegal, levando o primeiro asalto con autoridade, cedendo o segundo por escasa marxe e arrasando no terceiro (9-2).
O taekwondista marinense mostrou seguridade, concentración e o nivel que o levou recentemente ao ouro no Grand Prix Challenge de Muju (Corea do Sur).
Na seguinte rolda enfrontouse a Sanghyun Kang, vixente campión do mundo en -87 kg no Mundial de Bakú 2023.
O surcoreano adiantouse no primeiro parcial, Iván igualou no segundo e o combate chegou ao terceiro con todo por decidir. Finalmente, unha acción do coreano nos últimos segundos inclinou a balanza ao seu favor e deixou o galego fóra do campionato.
Do cinco combates que disputou Kang até alzarse co título mundial, só dous resolvéronse no terceiro asalto: un deles precisamente ante Iván García.
O Mundial continúa até o 30 de outubro coa participación dos galegos Sergio Troitiño (-87 kg, Mat's), Tania Castiñeira (+73 kg, Hebe), Arlet Ortiz (-62 kg, Mat's) e Alma Pérez (-53 kg, Costado TKD Boiro).