Novo éxito deportivo de Iván García, ouro no Grand Prix Challenge de Muju

Marín
01 de setembro 2025
Actualizado: 18:03

O de Marín logrou a medalla de ouro neste torneo en Corea do Sur tras unha actuación impecable, vencendo en cinco combates e superando a algúns dos mellores especialistas do mundo

Iván García (no centro) no podio do Grand Prix Challenge de Muju
Iván García (no centro) no podio do Grand Prix Challenge de Muju / Federación Galega de Taekwondo

O taekwondista Iván García, deportista do club Mat’s de Marín, volveu a subir ao máis alto do podio nunha competición internacional, demostrando de novo o seu gran estado de forma.

Logrou a medalla de ouro na categoría de +80 quilogramos no Grand Prix Challenge de Muju, en Corea do Sur. Foi tras unha actuación impecable, vencendo en cinco combates e superando a algúns dos mellores especialistas do mundo.

Na primeira rolda, García enfrontouse ao keniano Innocent Wafula e o galego arrancou a competición cunha vitoria cómoda para ir collendo ritmo.

Nos oitavos de final o seu rival foi Yodgorbek Zhuraboev (Usbequistán), na que foi a pelexa máis dura de todo o torneo para el. O primeiro caeu a favor do galego, pero no segundo logrou gañar o usbeco e o combate foi ao desempate, no que Iván amosouse máis forte (1:2).

Nos cuartos, Iván venceu ao tamén usbeco Yodgorbek Zhuraboev en dous asaltos e con claridade, para meterse de cheo na loita polas medallas.

Xa na semifinal, ao galego esperáballe un vello coñecido, o campión olímpico e bicampión mundial, Vladislav Larin.

O primeiro asalto foi claro para o de Marín, que dominou tamén no segundo. Pero no tramo final o taekwondista ruso case remonta cunha patada con xiro e logrou empatar (6:6). Nos últimos segundos, Iván volveu puntuar e logrou a vitoria en dous asaltos.

A final foi de infarto cun espectacular combate contra o ruso Rafauk Aiukaev, que competía como independente e que se decidiu en tres asaltos.

Iván gañou o primeiro, pero Aiukaev empatou no segundo. No terceiro e último, o taekwondista marinense logrou escaparse cunha acción en xiro e un punto abaixo e despois foi controlando ata o final (6:2).

No mesmo peso, competiu tamén o seu compañeiro no Mat’s de Marín, Sergio Troitiño, que arrancou ante o camerunés Noah Bekada, no que foi un combate durísimo no aspecto físico.

Logrou vencer pero entrou na seguinte rolda co dedo lesionado e a xeonllo inchado o que o lastrou no seu combate contra Beibarys Hablan (Kazajistán). Ao non poder competir ao máximo nivel, perdeu en dous asaltos.

Ao remate, Sergio foi ao hospital, porque temían que tivese unha rotura no dedo e aínda que as probas que lle fixeron non foron concluíntes, decidiuse que regrese a España para recuperarse canto antes, en vez de continuar coa concentración prevista en Corea.

Pola súa banda, a terceira deportista do club marinense en participar neste torneo, Arlet Ortiz en -57 quilogramos, perdeu no seu primeiro combate. Foi fronte á checa Dominika Hrinova, que venceu á galega en dous asaltos.