Iván García e Sergio Troitiño, medallistas no Open de Holanda de taekwondo

Marín
27 de outubro 2021

Os deportistas do Mat's de Marín renderon a gran nivel no Open de categoría G1 celebrado na localidade holandesa de Eindhoven  

Iván García, tras conseguir o bronce no Open de Holanda de taekwondo
Iván García, tras conseguir o bronce no Open de Holanda de taekwondo / Federación Galega de Taekwondo

Sobresaliente resultado para o Mat's de Marín no Open de Holanda de taekwondo de categoría G1 celebrado na cidade de  Eindhoven.

Na categoría absoluta Iván García demostrou estar cada vez máis preto do nivel dos grandes nomes do seu peso (-87), aínda que se tivo que conformar coa medalla de bronce.

En primeira rolda o deportista do club marinense enfrontouse ao andaluz Julián Pérez, gañando por 10 a 2, mentres que o cuartos de final pasou por encima do alemán Cem Ynlusoy (17-0). Xa na semifinal esperaba todo un medallista olímpico en Río e tamén mundial, o brasileiro Maicon Siqueira, principal cabeza de serie do torneo. Iván plantou cara nun combate moi igualado, confirmando o seu bo momento, aínda que terminou cedendo por un apertado 7-9.

En categoría júnior Sergio Troitiño acudiu a Holanda coa Selección Española para preparar o próximo Campionato de Europa da categoría que se celebrará en poucas semanas. Non lle puido saír mellor, e é que subiu todo o máis alto do podio no peso de +78 quilos.

Troitiño superou os seus tres combates #ante adversarios dunha importante envergadura física. Primeiro mediuse ao francés Rayanne Mannai (22-5), na semifinal ao estoniano-alemán Kirills Gatsins (18-6) e na final ao británico Taimn Othman (16-3) vencendo para levar a medalla de ouro.