Iván Martínez dálle unha alegría ao Froiz en Salamanca

Pontevedra
10 de xuño 2019

O ciclista do equipo pontevedrés proclamouse vencedor da Volta a Salamanca tras defender con éxito a camisola de líder na última das tres etapas da rolda

Iván Martínez venceu na Volta a Salamanca
Iván Martínez venceu na Volta a Salamanca / Grupo Deportivos Supermercados Froiz

Importante vitoria a conseguida polo Grupo Deportivo Supermercados Froiz. Despois de varias citas nas que quedou ás portas do triunfo, o conxunto alimenticio alzou os brazos na Volta a Salamanca.

Fíxoo grazas a Iván Martínez, que vestiu de líder na segunda das tres xornadas da rolda grazas a unha escapada xunto a Jefferson Cepeda (Caja Rural). Ambos chegaron xuntos a meta con algo máis de 1 minuto de vantaxe sobre o pelotón.

A pesar de non conseguir gañar a etapa, Martínez vestiu de amarelo e o seu equipo defendeuno con uñas e dentes na terceira e última xornada.

O Froiz controlou o pelotón e botou abaixo os intentos de fuga ata que a falta de 10 quilómetros atacou Felipe Orts (Mutua Levante). Xa sen risco para a xeral, Orts gañou a etapa con 17 segundos de vantaxe.

Ademais do triunfo xeral, Iván Martínez venceu ademais a clasificación da montaña, dos sprints especiais e a combinada.