Despois de dúas merecidas xornadas de descanso, tras o triunfo en Tafalla, o Pontevedra regresa este mércores aos adestramentos e faino coa mente posta no seu próximo rival, o Izarra.
Os granates, que afrontarán ante os navarros o seu único partido na casa do mes de novembro (domingo, 17:00 horas), non se fían do seu próximo rival, un equipo tamén recentemente ascendido que está a mostrar dúas caras diferenciadas no que vai de tempada.
Se na casa o Izarra mostra a súa fortaleza, como reflicte o feito de que no seu estadio están invictos e sumaron cinco triunfos, a domicilio o seu rendemento descende drasticamente.
Lonxe do seu terreo de xogo os navarros non conseguiron gañar ata o momento, conseguindo tan só dous empates, pero dáse a contradición de que ambos os resultados logrounos en prazas moi complicadas, como a son Aranda de Dueroe Ferrol. De feito o Izarra é o único equipo que puntuou en casa do intratable líder, o Racing de Ferrol.
Motivos suficientes para que o Pontevedra permaneza alerta, aspecto que Luisito ten moi presente e que quere transimitir aos seus xogadores para tentar lograr tres puntos que permitan afrontar con máis tranquilidade os seguintes dous partidos de liga, que xogarán lonxe de Pasarón.
O técnico granate estará pendente durante os próximos días da evolución de Pedro García, que caeu da última convocatoria por molestias musculares, sendo polo momento a única baixa confirmada a de Campillo, debido á súa expulsión en Tafalla.