Un par de días máis de reflexión déronse o Club Cisne Balonmán e Javier Fernández 'Jabato' para confirmar o futuro do técnico tras o ascenso do equipo pontevedrés á Liga Asobal.
O preparador pactou co presidente cisneísta Santiago Picallo, con quen compartiu unha cea esta mesma semana, que decidirá como moi tarde o vindeiro venres 3 de xuño sobre a oferta de continuidade que ten enriba da mesa.
Picallo non escondeu desde o ascenso que a súa prioridade era atar a renovación do adestrador. "Non imos atopar a ninguén mellor que el", sinalou entón, pero a situación de Jabato é diferente á de fai un par de tempadas, no primeiro salto á Liga Asobal, e valora se ve posible continuar compaxinando o seu labor deportivo coa súa vida laboral e persoal, dada a esixencia que supón competir na elite.
O preparador do Cisne chegou ao club no verán de 2016 para comandar un proxecto que foi crecendo ano a ano ata conseguir dous históricos ascensos á Asobal, á vez que foi consolidando a forza das súas categorías inferiores.
A decisión de Jabato será a primeira pedra sobre a que construír o novo proxecto, sobre todo en caso de ter que buscar un substituto. A partir de aí a idea do Cisne é clara, manter á gran maioría dos seus canteiráns e reforzar o plantel nun par de postos clave co obxectivo de tentar pelexar pola permanencia.