Jabato seguirá unha tempada máis á fronte do Cisne

Pontevedra
12 de xuño 2018

O equipo pontevedrés confirmou a última hora do luns que Javier Fernández 'Jabato' manterase á fronte do equipo de División de Honra Prata o próximo curso dando continuidade ao proxecto iniciado no verán de 2016

Jabato, no partido entre Cisne e Los Dólmenes Antequera no CGTD
Jabato, no partido entre Cisne e Los Dólmenes Antequera no CGTD / Diego Torrado

O proxecto do Club Cisne Balonmán na División de Honra Prata terá continuidade a próxima tempada no banco.

O club pontevedrés confirmou a última hora do luns a renovación de Javier Fernández 'Jabato' como adestrador do primeiro equipo.

Desta forma o técnico de Cidade Real afrontará o seu terceiro curso no banco cineísta, ao que chegou no verán de 2016 procedente do Academia Octavio vigués.

Nos dous anos que leva Jabato en Pontevedra, o Cisne logrou asegurar con suficiencia a permanencia na categoría de prata do balonmán nacional, finalizando a competición en novena e décima posición respectivamente.

Unha vez asegurada a continuidade dunha das bases do proxecto deportivo, a entidade que preside Santiago Picallo ponse agora ao choio para tentar confeccionar un plantel competitivo. Para iso deberá sobrepoñerse a algunha baixa destaca como a do gardameta Pablo Galán que xogará a próxima campaña co Cangas na Liga Asobal.