Jaime Duro proclámase subcampión do mundo en Milán

Pontevedra
24 de agosto 2025
Actualizado: 20:07

O padeeiro pontevedrés asinou unha regata brillante para facerse coa medalla de prata a tan só 2.36 segundos do moldavo Serghei Tarnovschi

Jaime Duro, no Mundial de Sprint de Milán
Jaime Duro, no Mundial de Sprint de Milán / Federación Española de Piragüismo

A última xornada do Mundial de Sprint en Milán deixou un balance positivo para o equipo español con oito medallas.

A última delas foi a prata conseguida por Jaime Duro no C1 5000 metros, completando unha regata brillante e confirmando o seu gran momento de forma.

O pontevedrés parou o crono en 23:43.67, quedando a só 2.36 segundos do campión do mundo, o moldavo Serghei Tarnovschi (23:41.31). O podio completouno o polaco Wiktor Glazunow, a 12.42 do ouro.

Con esta medalla, Duro consolídase como unha das grandes bazas internacionais da selección e encara con confianza o próximo Mundial de Maratón en Györ (Hungría), onde competirá en C1 Short Race e en C2 senior xunto ao tudense Manuel Garrido.

Pola súa banda, no C2 500 masculino, a dupla formada por Joan Antoni Moreno e Diego Domínguez foi quinta cun tempo de 1:41.38, a tan só 0.19 segundos do bronce que levou Brasil (1:41.19). A vitoria foi para o equipo neutral formado por Petrov e Shtyl (1:39.63).

O C4 500 feminino, a pontevedresa Claudia Couto, xunto a Valeria Oliveira, Ana Cantero e María Corbera, tamén asinou unha gran actuación ao terminar en cuarta posición con 1:49.85. España quedou a apenas 1.35 segundos das medallas nunha final dominada por Hungría.

Na final do K2 500 feminino, a dupla composta por Estefanía Fernández e Begoña Lazkano non puido atopar o seu mellor ritmo e finalizou en novena posición con 1:45.05. O podio quedou en mans de Polonia, Australia e Alemaña.

Xa no peche da xornada, Estefanía Fernández volveu ser protagonista no K1 5000 metros, onde asinou unha meritoria cuarta praza. A padeeira completou a distancia en 24:25.35, a só 7.87 segundos do bronce que levou a norueguesa Anna Margrete Sletsjoee. A vitoria foi para a sueca Melina Andersson, por diante da italiana Susanna Cicali.

Con estes resultados, España pechou a súa participación en Milán levándose un botín de oito medallas, das cales catro foron para a expedición galega.