O piragüismo galego viviu este venres unha xornada memorable no Mundial de Milán, marcada pola histórica clasificación do pontevedrés Pablo Crespo para a final do C1 1000 metros masculino e por un botín de tres metais.
O gran protagonista do día foi Pablo Crespo (EP Cidade de Pontevedra), que cun tempo de 3:58.76 fíxose co segundo posto da súa semifinal, a tan só 0.45 segundos do polaco Wiktor Glazunow e por diante do chinés Shengyue Wu.
Con esta clasificación, España regresa á final mundialista do C1 1000 tras dez anos de ausencia, desde que David Cal fose sétimo en Moscova en 2014. Crespo disputará a final este sábado 23 ás 14:48 horas.
Outro dos momentos da xornada chegou na final K4 500 metros feminina, con Lucía Val (Rías Baixas-Boiro), Estefanía Fernández (Fluvial de Lugo), Sara Ouzande e Bárbara Pardo.
O cuarteto español proclamouse campión do mundo tras unha regata impecable e unha espectacular remontada. No paso polos 250 metros era terceiro, pero reaccionou no tramo final para asinar un tempo de 1:32.58, só 0.09 segundos mellor que China e 0.22 sobre o equipo neutral.
Pola súa banda, o K4 masculino de 500 metros deu outra alegría a España ao subir ao podio cun bronce moi pelexado. A embarcación, cos galegos Carlos Arévalo e Rodrigo Germade a bordo, foi terceira con 1:19.33 nunha final marcada pola igualdade. Portugal adxudicouse o ouro con 1:18.93, apenas cinco centésimas por diante de Hungría (1:18.98), mentres que o equipo español, líder no primeiro parcial, cedeu dúas posicións nos metros finais.
A terceira medalla galega da xornada chegou no C1 200 metros, onde Pablo Graña (Rodeira de Cangas) colgouse a prata mundial nunha final decidida por milésimas. O padeeiro cangués, recente campión de Europa en Racice, cruzou a meta en 38.66, a só 0.03 segundos do uzbeko Artur Guliev, novo campión do mundo. O podio pechouno o neutral Sergey Svinarev (38.82). A prata confirma a Graña como unha das grandes referencias internacionais da velocidade.
A representación galega en Milán completouse coa actuación do ribadumiense Manuel Fontán (C.N. O Muiño), que rozou o triunfo na final B do C1 500 metros, e co cuarto posto do C2 feminino de 200 m, integrado por Claudia Couto (E.P. Cidade de Pontevedra) e Elena Gómez-Millán.