Javi Gómez Noya, a polo millón da Tripla Coroa

Pontevedra
22 de novembro 2017

O triatleta galego atópase a só unha carreira de converterse na segunda persoa que gaña a Tripla Coroa e se vence o sábado no Ironman 70.3 de Barhein embolsarase o maior premio en metálico circuíto mundial, un millón de dólares  

Tríatlon popular homenaxe a Javi Gómez Noya
Tríatlon popular homenaxe a Javi Gómez Noya / Diego Torrado

A tempada de Javier Gómez Noya alongouse máis do previsto, pero fíxoo por un motivo máis que comprensible, facerse co maior premio en metálico do tríatlon mundial.

O triatleta galego está a só unha carreira de seguir os pasos de Daniela Ryf en 2015 e converterse no segundo deportista que logra a Tripla Coroa, o que lle faría gañar un millón de dólares.

Esa proba é o Ironman 70.3 de Barhein, que se disputará o vindeiro sábado 25 de novembro e ao que chega como principal favorito dado o seu espectacular rendemento esta campaña na media distancia.

Gómez Noya preparouse a conciencia para a proba, na que afrontará 1.900 metros de natación, 90 quilómetros de ciclismo sen drafting e 21,1 quilómetros de carreira a pé.

Segundo apunta a lista de inscritos, dous son os homes que a priori se presentan como os seus principais rivais, o neozelandés Bozzone e o noruegués Kristian  Blummenfelt, medalla de bronce esta tempada nas Series Mundiais  ITU.

A Tripla Coroa é un premio proposto Sheikh Nasser, príncipe de Barhein e gran afeccionado ao tríatlon, e que se outorga ao vencedor no mesmo ano do  Ironman 70.3 de Dubai, que Gómez Noya venceu en xaneiro, o campionato do Mundo da especialidade, celebrado esta vez en setembro en Chattanooga, e o  Ironman 70.3 de Barhein.

A carreira na que Javier Gómez Noya xogarase o millón de doláres arrincará ás 3:20 horas da madrugada do sábado en España.