Javi Gómez Noya, ante un doble reto 'Mundial'

Pontevedra
01 de setembro 2017

O triatleta galego afronta no próximo mes un esixente calendario de competición no que tentará, con apenas unha semana de diferenza, gañar o Campionato do Mundo de Ironamn 70.3 e facerse coa súa sexta coroa na Series Mundiais. Primeira parada, Estados Unidos

Gómez Noya durante a proba das Series Mundiais en Montreal
Gómez Noya durante a proba das Series Mundiais en Montreal / Wagner Araújo / ITU Media

Chega a hora da verdade na tempada de Javi Gómez Noya. Nun ano de cambios no que non deixou de competir nas Series Mundiais, con dous triunfos e opcións de facerse co título, o triatleta galego abriuse a novos retos ata chegar ao decisivo mes de setembro.

Con apenas unha semana de diferenza, Gómez Noya pelexará por gañar o Campionato do Mundo Ironman 70.3 (9 de setembro) e o seu sexto título en categoría olímpica na Gran Final das Series Mundiais (16 de setembro).

Dúas competicións moi diferentes e que tamén esixen preparación diferenciada, co hándicap engadido dunha longa viaxe polo medio e o temido 'jet lag'. Todo un reto maiúsculo para o mellor triatleta da historia, que busca ampliar o seu xa extenso palmarés.

"Moito traballo duro estas últimas semanas. De camiño agora a EEUU, para empezar a 'diversión' das carreiras. Tres fins de semana seguidos, en tres formatos diferentes... Vai estar interesante", explicou o propio Javi Gómez Noya aos seus seguidores a través das redes sociais de camiño a Estados Unidos, onde o vindeiro domingo 3 de setembro tomará parte no Tríatlon de Des Moines (Iowa), unha competición en distancia olímpica pero sen drafting.

Será unha proba para poñerse a punto de cara ao Mundial 70.3 (1,9 quilómetros de natación, 90 quilómetros de ciclismo e 21,1 quilómetros de carreira a pé) que tamén se disputará en Estados Unidos, concretamente en Chattanooga, Tennessee, o día 9.

Despois chegará a Gran Final das Series Mundiais na localidade holandesa de Rotterdam (16 de setembro), onde as súas opcións pasan por lograr a vitoria e que o malloquín Mario Mola non conclúa entre os cinco primeiros clasificados.

Por se todo isto fora pouco, para finalizar setembro, competirá na proba Super League Triathlon que se disputará na localidade británica de Jersey os días 23 e 24 de setembro.