Prata mundial para Gómez Noya tras unha vibrante Gran Final en Róterdan

Pontevedra
16 de setembro 2017

O triatleta galego, que hai apenas unha semana vencía no Mundial Ironman 70.3, buscou a épica na Gran Final das Series Mundiais pero non puido desbancar ao mallorquino Mario Mola. O seu cuarto posto en Róterdan aseguroulle iso si o segundo caixón do podio na clasificación final

Gómez Noya na Gran Final das Series Mundiais en Róterdan
Gómez Noya na Gran Final das Series Mundiais en Róterdan / Wagner Araujo / ITU Media

Era un reto maiúsculo, lograr vencer en apenas unha semana no Mundial Ironman 70.3 e lograr o seu sexto título de campión do Mundo ITU. A primeira parte cumpriuna con fartura, pero na segunda quedou na beira.

Javier Gómez Noya proclamouse subcampión das Series Mundiais 2017 despois dunha vibrante carreira na Gran Final disputada en Róterdan, na que finalizou cuarto.

Comezou con polémica a carreira, debido á contaminación detectada na auga onde se ía a celebrar a proba e ao perigo do circuíto ciclista, pero todo perdeu importancia cando se deu a saída.

Nos 1.500 metros de natación cumpriuse o guión previsto, con Gómez Noya saíndo décimo da auga a 13 segundos de Richard Varga para pasar a conformar un grupo cabecero de 15 unidades.

Mario Mola, líder do Mundial e que debía quedar polo menos na sexta posición para que o galego tivese opcións de facerse co seu sexto título, quedaba relegado a un segundo grupo con 20 segundos de desvantaxe sobre os primeiros. 

Con todo a dificultade do circuíto ciclista, moi técnico e por riba mollado, impediu poñer un alto ritmo facendo que se reunificara o pelotón antes de que se chegase ao ecuador dos seus 40 quilómetros de percorrido. Todo se xogaría nos 10 quilómetros finais a pé.

Pronto quedou claro que o título mundial non lle ía a escapar ao mallorquino Mario Mola ao meterse no quinteto de cabeza no que tamén estaban Gómez Noya, Vincent Luis, Blummenfelt e Jonathan Brownlee. Contra prognóstico no tramo decisivo quedaron sós á fronte Luís e Blummenfelt. Sería o primeiro deles o que se faría coa vitoria na carreira, para desesperación dun Blummenfelt que se gañaba tería desbancado ao campeonísimo galego da segunda posición do campionato.

Non foi así e Javi Gómez Noya, cuarto a 25 segundos, engrosa o seu extenso palmarés cunha prata nas Series Mundiais, nun ano no que esta competición non era a súa prioridade. Finalmente acumulou durante a tempada 4.311 puntos, polos 4.728 de Mario Mola. O tercro foi Kristian Blummenfelt (4.281 puntos), mentres o talaverano afincado en Pontevedra Fernando Alarza concluíu na quinta posición (3.722 puntos).