Javi Gómez Noya buscará o seu quinto título europeo en Estonia

Pontevedra
22 de xullo 2020

O triatleta galego será un dos principais reclamos do Campionato de Europa previsto para o 28 de agosto en Tartu, Estonia, e que se o coronavirus o permite celebrarase unha semana despois do Nacional Sprint en Pontevedra 

Javier Gómez Noya nas Series Mundiais de Hamburgo
Javier Gómez Noya nas Series Mundiais de Hamburgo / Ben Lumley / ITU Media

Co calendario tanto nacional como internacional pendendo dun fío, os triatletas empezan a fixarse obxectivos concretos, que no caso de Javier Gómez Noya apuntan cara ao Campionato de Europa.

O campionísimo galego encabezará xunto a Mario Mola o equipo da Selección Española no Europeo previsto para o día 28 de agosto en Tartu, Estonia. Así o confirmou á axencia EFE o o seleccionador español, Iñaki Arenal.

En Estonia Gómez Noya pelexará polo que sería o seu quinto título continental, tras os conseguidos en Copenhague (2007), Holten (2009), Eilat (2012) e Lisboa (2016), ao que se suma a medalla de prata conseguida en 2010 en Irlanda.

Se o coronavirus o permite esta proba, que apunta a unha participación do máximo nivel precisamente pola ausencia doutras citas internacionais xa canceladas, celebrarase só unha semana despois do Campionato de España Sprint de Pontevedra, onde teñen previsto probarse tanto o propio Noya como Mario Mola.

Xunto a eles no equipo nacional masculino estarán en Tartu o talaverano Fernando  Alarza, o valenciano Roberto Sánchez e o vigués Antonio Serrat.

Pola súa banda o conxunto español feminino estará composto por Miriam Casillas, Carolina Routier, Sara Pérez, Xisca Tous e Tamara Gómez.