Javi Gómez Noya é segundo en Hamburgo e mantén o liderado nas Series Mundiais

Pontevedra
19 de xullo 2015

O francés Vincent Luis impediu a vitoria de Javi Gómez Noya na sétima proba das Series Mundiais de Triatlón disputada na tarde deste sábado en Hamburgo. O campión galego conseguiu a segunda posición, que lle permite seguir encabezando o campionato a falta de tres probas e con serias aspiracións de renovar o seu trono mundial por quinta vez

Javi Gómez Noya e Vincent Luis no segmento a pé das Series Mundiais en Hamburgo
Javi Gómez Noya e Vincent Luis no segmento a pé das Series Mundiais en Hamburgo

O francés Vincent Luis impediu a vitoria de Javi Gómez Noya na sétima proba das Series Mundiais de Triatlón disputada na tarde deste sábado en Hamburgo. O campión galego conseguiu a segunda posición, que lle permite seguir encabezando o campionato a falta de tres probas e con serias aspiracións de renovar o seu trono mundial por quinta vez.

Foi unha competición espectacular, na que os triatletas españois tiveron unha actuación destacada, xa que tras un soberbio Javi Gómez Noya entrou en terceira posición Mario Mola, que realizou a última transición cunha carreira a pé de record para culminar unha sensacional remontada que lle valeu a medalla de bronce. O terceiro español foi Fernando Alarza, que rematou a carreira na posición 29.

Disputada na modalidade de sprint, a proba alemá viu un Gómez Noya disposto dende o principio a quitar o mal sabor de boca do pasado Campionato de Europa, lanzándose ás augas do lago Alster en busca das primeiras prazas. Un segmento de 750 metros no que o eslovaco Richard Varga volvía demostrar as súas aptitudes como nadador saíndo en primeira posición. Pola súa banda, o catro veces Campeón do Mundo dirixíase á primeira transición a escasos segundos, ocupando a cuarta praza.

Á saída da T1, Gómez Noya instalábase no pelotón cabeceiro que dominou as seis voltas do sector, logo na carreira a pé pronto Javi Gómez Noya se quedou só con Vicent Luis ao que atacou en varias ocasións, pero o galo aguantou e mesmo fixo a maior parte do percorrido na cabeza.

Nos últimos 450 metros o francés fixo un cambio brusco e demoledor que conseguiu descolgar a Gómez Noya, que entraría segundo a só catro segundos do vencedor

Por detrás, Mario Mola baixaba da bicicleta cunha desvantaxe de 40 segundos. O triatleta balear fixo entón unha espectacular remontada que lle deu o terceiro posto, marcando o mellor parcial do segmento (13:55).

A falta de tres probas para o final das Series Mundiais (Estocolmo, Edmonton e Chicago), tres españois copan as primeiras posicións da clasificación xeral. Javi Gómez Noya é líder con 3.705 puntos, Mario Mola segundo con 3.374 puntos e Fernando Alarza terceiro con 2.961.

A clasificación completa e táboa de tempos da proba de Hamburgo pode consultarse neste enlace.