As ausencias en Estocolmo achegan o quinto título mundial para Javi Gómez Noya

Pontevedra
20 de agosto 2015

O triatleta galego afronta a recta final das Series Mundiais, que lidera a falta de tres probas. Alistair Brownlee, que xa non pode sumar as cinco probas mínimas para optar ao campionato, Vincent Luis ou Richard Murray, entre as ausencias en Suecia. Un bo resultado en Estocolmo deixaría o título ao alcance da man

Gómez Noya no CGTD de Pontevedra
Gómez Noya no CGTD de Pontevedra

Nunca gañou en Estocolmo, pero un bo resultado na capital sueca deixaría o título mundial case no peto.

Javier Gómez Noya afronta a volta da competición na Series Mundiais de Tríatlon (WTS) co obxectivo de lograr o seu quinto entorchado mundial, algo que se puxo moi de cara non só polo seu liderado provisional, senón pola ausencia de varios dos seus principais rivais.

A falta de tres citas para o final da tempada nas WTS e con Jonathan Brownlee descartado por lesión, a baixa en Estocolmo do seu irmán Alistair impedirá que loite polo campionato, toda vez que non cumprirá co requisito mínimo de ter participado en cinco carreiras antes da Gran Final de Chicago.

Ademais este domingo (15:36 horas) non estarán na liña de saída o sudafricano Richard Murray ou o francés Vincent Luis, que pasa por ser un dos triatletas máis en forma, quinto e cuarto na xeral respectivamente.

Si estarán no país nórdico os españois Mario Mola e Fernando Alarza, segundo e terceiro na clasificación, únicos que poderían arrebatarlle o título a Gómez Noya, que lidera con 3.705 puntos polos 3.374 de Mola e os 2.961 de Alarza.

Se logra quedar por diante en Estocolmo, proba que se correrá en distancia olímpica, o campión galego quedaría a expensas de confirmar o campionato das Series Mundiais na Gran Final do 19 de setembro. Antes quedará a proba de Edmonton (6 de setembro) sobre distancia sprint.