Javi Gómez Noya gaña en Estocolmo e queda a un paso do seu quinto Mundial

Pontevedra
23 de agosto 2015

O triatleta galego impúxose con autoridade en Suecia e a falta de dúas probas domina claramente a xeral das Series Mundiais por diante de Mario Mola e Fernando Alarza, cuxa actuación foi discreta en Estocolmo

Gómez Noya entra vencedor na meta de Estocolmo
Gómez Noya entra vencedor na meta de Estocolmo

A ausencia dalgúns dos seus principais rivais colocábao como gran favorito na cita das Series Mundiais de Estocolmo, onde nunca vencera, e Javier Gómez Noya cumpriu os prognósticos.

O triatleta galego impúxose con autoridade en Suecia cun tempo de 1:49:33, por diante do portugués Joao Pereira (1:50:18) e o australiano Aaron Royle (1:50:26).

Non lle inquietaron os españois Mario Mola e Fernando Alarza, seguno e terceiro do Mundial, cunha discreta actuación que deixa en bandexa o quinto título para Gómez Noya a falta de dúas probas, Edmonton e a Gran Final de Chicago, onde deberá ratificar a súa condición de líder.

En Estocolmo o único momento complicado para o galego foi a natación, nunha auga revolta que dificultou o sector.

Aínda que sufriu para manterse preto dos primeiros clasificados, Javi logrou chegar con eles á primeira transición para formar un grupo de cabeza na bicicleta no que non se encontraban Mola e Alarza, a máis de 40 segundos.

A vantaxe co grupo perseguidor foise ampliando ata a última transición, tras a que Gómez Noya iniciou con forza a carreira a pé descolgando moi pronto os seus acompañantes.

Con esta vitoria o actual campión do Mundo lidera a xeral con 3.820 puntos polos 3.374 de Mola e os 2.961 de Alarza.