Unha enfermidade pon en perigo a participación de Gómez Noya no Mundial 70.3, onde defende título

Pontevedra
27 de agosto 2015

O triatleta galego recupérase dunha leve enfermidade que o mantivo varios días en cama tras as Series Mundiais de Estocolmo. Na súa planificación encontrábase participar este domingo 30 de agosto no Mundial de Ironman 70.3 en Austria, distancia da que é o actual campión do Mundo

Javi Gómez Noya, durante a sinatura do patrocinio do Concello de Pontevedra
Javi Gómez Noya, durante a sinatura do patrocinio do Concello de Pontevedra / Mónica Patxot

Antes de intentar conseguir o seu quinto título mundial en distancia olímpica, que debe confirmar o 19 de setembro na Gran Final de Chicago, Javi Gómez Noya pretendía revalidar outro entorchado mundial, o de media distancia, un obxectivo que se complicou os últimos días por culpa dunha enfermidade.

Tras gañar nas Series Mundiais de Estocolmo, o galego viuse obrigado a permanecer varios días en cama, o que pon en dúbida a súa participación o próximo domingo 30 de agosto no Campionato do Mundo Ironman 70.3 que se disputa en Zell Am See-Kaprun, Austria.

Alí Gómez Noya esperaba repetir a actuación que hai un ano o levou a dominar unha competición que se disputa nun percorrido de 1.900 metros de natación, 90 quilómetros de ciclismo e 21,1 finais de carreira a pé.

Non obstante esta enfermidade convérteo en dúbida para a competición, aínda que como el mesmo recoñeceu a través da súa conta de twitter, xa se encontra mellor e retomou os adestramentos asegurando que fará "todo lo posible por estar en la línea de salida el domingo".