Nova xesta de Javi Gómez Noya: tras varios días enfermo queda terceiro no Mundial de Ironman 70.3

Pontevedra
30 de agosto 2015

Recuperouse da infección vírica que lle afectou esta última semana para poder competir, pero non o suficiente para poder mostrar todo o seu potencial. Aínda así, Javier Gómez Noya logrou colgarse a medalla de bronce no Campionato do Mundo de Ironman 70.3, tras finalizar en terceira posición na proba que se disputou este domingo na localidade austríaca de Zell Am See-Kaprun

Gómez Noya durante a proba das Series Mundiais en Yokohama
Gómez Noya durante a proba das Series Mundiais en Yokohama

Recuperouse da infección vírica que lle afectou esta última semana para poder competir, pero non o suficiente para poder mostrar todo o seu potencial. Aínda así, Javier Gómez Noya logrou colgarse a medalla de bronce no Campionato do Mundo de Ironman 70.3, tras finalizar en terceira posición na proba que se disputou este domingo na localidade austríaca de Zell Am See-Kaprun.

A carreira, como se prevía inicialmente, foi moi rápida. E Gómez Noya probou estar en boa forma ao saír en primeira posición da auga, tras os tres quilómetros de natación. Máis longos fixéronselle os 90 quilómetros sobre a bicicleta. O dominio do alemán Jan Frodeno, que posteriormente lograría a vitoria, comezou a fraguarse tras a primeira transición. Só foi mellor ca el -45 segundos- o seu compatriota Andreas Dreitz.

O triatleta afincado en Pontevedra chegou ao terceiro segmento, os 21 quilómetros de carreira a pé, cunha desvantaxe de case cinco minutos con respecto á cabeza. Pero pouco a pouco foi recortando esa distancia e, a falta de doce quilómetros para a meta, xa se situara na terceira praza provisional.

Frodeno, tamén especialista en carreira, para entón xa alcanzara a Dreitz e tan só tivo que administrar a súa vantaxe para chegar en solitario á liña de meta, concluíndo a proba cun tempo de 3 horas, 51 minutos e 19 segundos. Segundo foi o alemán Sebastian Kienle a 1:29 do gañador e o bronce para Gómez Noya que parou o crono en 3 horas, 55 minutos e 5 segundos.

O propio atleta comentaba as súas sensacións neste Mundial a través da súa conta de Twitter.

Tras a súa participación neste Mundial de Ironman 70.3, Javi Gómez Noya volverá centrarse no seu grande obxectivo, asegurar o seu quinto triunfo nas Series Mundiais de tríatlon. Tras a súa vitoria en Estocolmo o pentacampionato está máis preto que nunca. Terá que confirmalo nas dúas últimas citas desta competición, que se disputarán nas cidades norteamericanas de Edmonton e Chicago.