Gómez Noya, recibido con honras en Peinador

Pontevedra
22 de setembro 2015

O pentacampión do mundo xa está na casa tras chegar este martes ao aeroporto vigués de Peinador, onde foi recibido por amigos, compañeiros e representantes do tríatlon. Javi Gómez Noya recoñeceu que este título "es más de lo que nunca hubiera podido imaginar" cando comezaba a destacar no mundo do deporte

Chegada de Javi Gómez Noya ao aeroporto de Peinador
Chegada de Javi Gómez Noya ao aeroporto de Peinador / Mónica Patxot

Ascendeu, por méritos propios, ao olimpo do deporte nacional, do que xa é considerado como un dos seus grandes referentes históricos, e como tal foi recibido este martes á súa chegada a casa.

Javi Gómez Noya aterrou este martes no aeroporto vigués de Peinador tras lograr en Chicago o seu quinto título mundial de tríatlon, terceiro consecutivo, o que supón "más de lo que nunca hubiera podido imaginar", recoñeceu á súa chegada.

Alí esperábanlle compañeiros de fatigas como os trialetas pontevedreses Pablo Dapena e Saleta Castro, xunto a Diego Paz e Alba Cuba; Jaime Agulló, director do Instituto Municipal de Deportes de Pontevedra; o presidente da Federación Galega; e varios amigos como o tamén pontevedrés Nacho Cons, entre outros, ademais dun bo número de medios de comunicación.

Gómez Noya explicou nas súas primeiras verbas en Galicia que "llevo tiempo sin venir por casa y ahora tengo ganas de estar por aquí y descansar un poco", pero aínda afrontará un par de competicións antes de finalizar a tempada, a primeira esta fin de semana no Desafío Illas Cíes.

Despois si chegará o merecido descanso e pensar no que xa é principal obxectivo, os Xogos Olímpicos de Río 2016: "Después de recuperar toda la preparación irá enfocada a los Juegos de Río y el objetivo será dar mi mejor nivel y hacerlo lo mejor posible allí", recoñeceu.

Javi Gómez Noya: "El día que no tenga ganas de ganar, no tenga ganas de entrenar será el día que me retire pero de momento estoy muy motivado"

En relación á carreira de Chicago, na que conseguiu o título, o campeonísimo galego cualificouna como "la mejor prueba que hice en el año, aunque no pude ganar porque Mario estuvo espectacular", sinalou encomiando o papel do mallorquín Mario Mola, subcampión do Mundo.

Javi Gómez Noya acordouse de familiares, amigos e todos os seus adestradores, que foron claves nos seus éxitos e o serán nos que aínda están por chegar porque asegura ter corda para tempo: "Lo fundamental es tener ganas de seguir ganando, el día que no tenga ganas de ganar, no tenga ganas de entrenar será el día que me retire pero de momento estoy muy motivado", recoñeceu.

Tras abandonar Peinador, Gómez Noya encamiñouse a Pontevedra onde pasará os próximos días e onde recibirá unha homenaxe por parte do Concello, aínda que falta por fixar a data e o lugar para o mesmo.