Javi Gómez Noya recibe, unha vez máis, o agarimo dos pontevedreses

Pontevedra
23 de setembro 2015

O Pazo de Mugartegui acolleu este mércores unha sinxela homenaxe ao pentacampión do mundo de tríatlon ao que acudiron compañeiros, amigos e veciños, ademais de representantes da corporación municipal  

Homenaxe a Javi Gómez Noya no Pazo de Mugartegui
Homenaxe a Javi Gómez Noya no Pazo de Mugartegui / Mónica Patxot

Tarde de homenaxes para Javier Gómez Noya. O flamante pentacampión do mundo de tríatlon foi recibido á primeira hora da tarde polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para recibir poucas horas despois o agarimo dos seus veciños.

O Pazo de Mugartegui foi escenario dun sinxelo acto en honra dun dos veciños máis ilustres da cidade.

Gómez Noya protagonizou, xunto ao alcalde, un breve discurso no balcón do Pazo ante o numeroso público presente.

Gómez Noya: "Esto demostra que se me valora nesta cidade"

Arroupado por amigos, compañeiros triatletas e membros da corporación municipal, o campión recoñeceu que o acto "demostra que se me valora nesta cidade".

Agradecido o triatleta recoñeceu a "moitas caras coñecidas de deportistas de Pontevedra, compañeiros de adestramento e xente que non só está aquí hoxe senón anímame e axúdame no día a día" e tamén a continuar traballando por novos retos, explicou.

A recepción concluíu cun brinde na honra do que xa é por méritos propios o mellor triatleta da historia.