Un millonario 'convida' a Gómez Noya a participar nun exclusivo tríatlon na súa casa de Bahamas

Pontevedra
03 de novembro 2015

Javier Gómez Noya tomará parte, entre o 6 e o 8 de novembro, no primeiro Island House Invitational Triathlon, un evento de tres días de competición con só 10 deportistas en categoría masculina e outros 10 na feminina. Anúnciase como un dos tríatlons con maiores premios en metálico

Chegada de Javi Gómez Noya ao aeroporto de Peinador
Chegada de Javi Gómez Noya ao aeroporto de Peinador / Mónica Patxot

Javier Gómez Noya disponse a pechar unha exitosa tempada deportiva, a do seu quinto título das Series Mundiais, dunha maneira diferente e exclusiva.

Farao participando en Bahamas na primeira edición do Island House Invitational Triathlon, un evento no que só participan, previa rigorosa invitación, dez triatletas en categoría masculina e dez na feminina, todos eles grandes campións en diferentes modalidades do seu deporte.

Trátase dunha competición de tres días creada polo multimillonario Mark Holowesko e que se vende como un dos tríatlons con maiores premios en metálico do planeta.

Para maior xúbilo do magnate, o Island House Invitational partirá dun dos seus hoteis na illa privada de Highbourne Cay, Exuma (Bahamas).

Serán tres días de tríatlon con diferentes probas, a disputar entre o vindeiro venres día 6 e o domingo 8 de novembro.

O primeiro día, prólogo, os participantes afrontarán 500 metros de natación, 8 quilómetros de ciclismo e 2 quilómetros de carreira a pé. O segundo será quenda para o Olympic Enduro cun circuíto de 500 metros de natación, 13 quilómetros de ciclismo e 3,3 quilómetros de carreira que deberán completar tres veces, mentres a proba final disputarase en distancia sprint (750 metros a nado, 20 quilómetros en bicicleta e 5 quilómetros a pé) coa particularidade de non poder facer drafting (ir a roda no sector de ciclismo).

Un novo reto para Gómez Noya, que recoñeceu a través da súa conta de Twitter que para el é "unha honra ser elixido para competir nun evento moi especial".

 

Ademais de Gómez Noya, participará en categoría masculina un dos seus rivais habituais en distancia olímpica como é o surafricano Richard Murray ou campións en distancia Ironman e 70.3 como Ben Hoffman ou Tim O'Donnell. Completan a nómina de deportistas Barrett Brandon, Tim Don, Cam Dye, Leon Griffin, Luke McKenzie e Trevor Wurtele.

En categoría feminina as triatletas convidadas son: Lauren Brandon, Mirinda Carfrae, Leanda Cave, Flora Duffy, Gwen Jorgensen, Rachel Joyce, Alicia Kaye, Rachel Klamer, Lisa Norden e Heather Wurtele.