Gómez Noya remata segundo nas Series Mundiais de Edmonton e xa pensa na Gran Final

Pontevedra
07 de setembro 2015

O sudafricano Richard Murray foi o gañador da penúltima proba do Mundial, con Mario Mola no terceiro posto. Gómez Noya segue líder e ten na man confirmar o seu quinto título

Gómez Noya tras Richard Murray nas Series Mundiais de Edmonton
Gómez Noya tras Richard Murray nas Series Mundiais de Edmonton

Só un primeiro posto podía mellorar a puntuación de Javier Gómez Noya nas Series Mundiais antes da Gran Final de Chigago do próximo día 19, onde buscará o seu quinto título mundial.

Non o conseguiu o galego en Edmonton (Canadá) na penúltima cita do calendario, pero tampouco os seus principais rivais o lograron, posto que o gañador foi Richard Murray (53:19).

O sudafricano foi o máis rápido da carreira, disputada en distancia sprint e caracterizada pola chuvia e o frío, impoñéndose con só catro segundos de vantaxe sobre Gómez Noya (53:23).

Terceiro foi Mario Mola (53:34), mentres outro dos seus principais rivais, o francés Vincent Luis, foi cuarto (53:39).

A proba serviu para que o triatleta galego recuperase sensacións e afinase a súa posta a punto despois duns días complicados, nos que superou unha leve enfermidade.

En canto á cita de Edmonton, Gómez Noya saió sexto da auga situándose no grupo de cabeza, onde non estaba Murray. O sudafricano enlazou no sector de ciclismo, cun circuíto mollado no que non se asumiron excesivos riscos, e rematou na carreira a pé, na que o actual campéon do Mundo foi o único en aguantar o ritmo e que se decidiu nos últimos 500 metros.

A xeral segue dominada por Noya con 3.820 puntos, seguido por Mola, con 3.595, e o francés Vincent Luis, que sobe ao terceiro posto con 3.543 puntos.