Javi Pazos e Campillo, moi preto do Pontevedra

Pontevedra
28 de xuño 2018

Á vez que espera a resposta dos xogadores que teñen sobre a mesa unha oferta para renovar os seus contratos, comezou a pechar incorporacións. Segundo confirmaron a PontevedraViva fontes próximas ao club, dúas destas fichaxes serán o dianteiro Javi Pazos e o defensa Alberto Campillo

Javi Pazos, nun partido co Arosa na Lomba
Javi Pazos, nun partido co Arosa na Lomba / Diego Torrado

O Pontevedra segue dando pasos, aínda que apenas transcendan, para completar o plantel para a próxima tempada 2018-2019. Á vez que espera a resposta daqueles xogadores que teñen sobre a mesa unha oferta para renovar os seus contratos, comezou a pechar as súas novas incorporacións.

Segundo confirmaron a PontevedraViva fontes próximas ao club, dúas destas fichaxes serán o dianteiro Javi Pazos e o defensa Alberto Campillo.

Javi Pazos, xogador desexado polo club granate desde hai tempo e formado na canteira do Pontevedra, foi un dos máximos goleadores das dúas últimas tempadas en Terceira División. Só co Arosa, este último ano, o de Marín anotou 25 goles. 

Precisamente, o Arosa confirmou este xoves nun comunicado que o xogador abandona o cadro arlequinado "debido ás ofertas para militar en Segunda B". En caso de permanecer en Terceira, engaden desde a directiva, o Arosa "seguiría sendo o seu club".

O presidente Manuel Abalo agradeceu a Javi Pazos a súa "implicación e xenerosidade" na etapa do xogador no club, xa que "sempre foi fiel ás nosas cores". Ademais, deséxalle a "maior das sortes" na súa nova etapa deportiva.

Pola súa banda, Alberto Campillo -que actualmente militaba no Coruxo- regresará ao Pontevedra, conxunto no que xa estivo nas tempadas 2014-2015, na que logrou o ascenso á Segunda B, e 2015-2016. 

O central vigués de 30 anos, moi querido pola afección pontevedresa, xogou 24 partidos co Coruxo ao longo da pasada tempada.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora