Javier Sánchez, do CB Ravachol, leva o ouro no dobres do máster nacional absoluto

Pontevedra
12 de abril 2021

O xogador galego compartiu equipo co madrileño Daniel Sánchez para desfacerse na final da dupla formada por Adrián Márquez e Víctor Martín. En mixtos, foi prata. Ademais a xogadora do cadro pontevedrés, Ania  Setién, logrou tamén o ouro en dobres feminino

Máster nacional absoluto de bádminton con participación de xogadores do CB Ravachol Pontevedra
Máster nacional absoluto de bádminton con participación de xogadores do CB Ravachol Pontevedra / CB Ravachol Pontevedra

O Club Bádminton Ravachol Pontevedra desprazouse ata a localidade cordobesa de Montilla para disputar unha proba de máster nacional absoluto, coa participación de Javier Sánchez, que levou a vitoria na modalidade de dobres masculino xunto ao seu compañeiro do Fuenlabrada Daniel Sánchez.

Despois de superar unha complicada fase de grupos, onde bateu ao seu compañeiro do primeiro equipo Gabriel Fernández, a parella galego-madrileña foi a máis e venceu na final a Adrián Márquez e Víctor Martín por 21-15, 15-21 e 21-12.

Na modalidade de dobres mixto, Sánchez levou a prata xunto á xienense Manuela Díaz tras caer nunha axustada final #ante os onubenses Víctor Martín e Haidee Ojeda por 21-19, 13-21 e 14-21.

Con estes resultados, Sánchez suma uns importantes puntos para a clasificación nacional na súa loita por lograr o obxectivo de ser cabeza de serie no Campionato de España.

Ata Montilla desprazáronse tamén os deportistas do primeiro equipo do Ravachol Ania Setién e Gabriel Fernández. Setién levou o ouro en dobres feminino e a prata individual, mentres que Fernández non puido superar a fase de grupos.

O próximo compromiso do club será o sábado 17 de abril no Centro de Tecnificación, co enfrontamento entre o Ravachol Pontevedra e o Arjonilla.