Semana de infarto para o Bádminton Ravachol pola supervivencia na División de Honra

Pontevedra
22 de abril 2021

O club pontevedrés afronta en apenas unha semana de marxe os seus tres últimos enfrontamentos da tempada na División de Honra, con 4 equipos separados por só 3 puntos e todo aínda por decidir

Partido entre o Club Bádminton Ravachol e o Arjonilla
Partido entre o Club Bádminton Ravachol e o Arjonilla / Cristina Saiz

Chega o momento da verdade para o Club Bádminton Ravachol Pontevedra nas súas aspiracións de manterse na máxima categoría nacional, a División de Honra.

Aos pontevedreses réstanlles tres xornadas para o final da competición, enfrontamentos que deberán afrontar con apenas unha semana de marxe e que resolverán unha tempada caracterizada por unha tremenda igualdade, e é que aínda que o Ravachol é actualmente o pechacancelas da categoría está a só 3 puntos doutros tres equipos (Alicante, Benalmádena e San Fernando Valencia). Entre eles estará o único descendido.

Nesta situación o Bádminton Pontevedra prepárase para recibir este sábado 24 a un dos seus rivais directos, o CB Alicante, nunha xornada que dará comezo ás 17.00 horas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. E sen tempo para descansar o luns 26 deben recuperar unha xornada aprazada a domicilio ante o Pitius de Eivissa.

"En tres días vaise decidir o futuro do club. O sábado temos unha final contra Alicante, xa que a derrota supón practicamente o descenso, pero unha vitoria non nos asegura a permanencia, así que sen apenas tempo para descansar, o equipo viaxará o domingo a Eivissa para xogar o luns contra o Pitius. Para completar a semana, o venres viaxaremos a Rinconada (Sevilla) para xogar a última xornada", explica o director deportivo do club, Jesús Pereiro.

"Aínda que dependemos de nós mesmos para salvarnos, os enfrontamentos contra o Pitius e o Rinconada van ser aínda máis complicados, polo que os demais resultados da xornada, así como a diferenza de partidos, van influír moito na clasificación final", recoñece Pereiro. 

O encontro fronte ao Alicante será retransmitido en directo polas cámaras de La Liga Sports TV