A renovación de Georgina Bland, primeira pedra do novo proxecto do Ravachol despois do descenso

Pontevedra
26 de maio 2021

O club pontevedrés de bádminton márcase como "prioridade absoluta" pechar a continuidade de xogadores como Manuel Brea, Ana Carbón, Noelia Gestoso e os capitáns Alex Nogueira e Raquel Miguens.

Georgina Bland, xogadora inglesa do Bádminton Ravachol Pontevedra
Georgina Bland, xogadora inglesa do Bádminton Ravachol Pontevedra / Bádminton Ravachol Pontevedra

Consumado o descenso do primeiro equipo á segunda división nacional e a falta de disputar unicamente os campionatos de España individuais, o Club Bádminton Ravachol Pontevedra céntrase xa na planificación da próxima tempada e na confección do plantel. 

A dirección deportiva espera que o bloque dos últimos anos varíe o menos posible e márcase como "prioridades absolutas" as renovacións de xogadores como Manuel Brea, Ana Carbón, Noelia Gestoso e os capitáns Alex Nogueira e Raquel Miguens.

Neste sentido, fan oficial a primeira renovación para o próximo curso. A xogadora inglesa Georgina Bland, que chegou a Pontevedra para dar un salto de calidade en División de Honra, onde se converteu na mellor xogadora de individual feminino da liga seguirá baixo a disciplina do cadro lerezano un ano máis. "Noutros equipos onde xoguei, unicamente viaxaba desde Londres, xogaba e de novo a casa. A sensación de familiaridade que me achegou este equipo non a vivín antes, e quero quedarme porque estou moi contenta cos meus compañeiros e co club", detallou Bland as razóns para aceptar a oferta de renovación.

"Desde o club fixemos un enorme esforzo para seguir contando con Gina a pesar do descenso. Quero agradecerlle o seu compromiso connosco, xa que priorizou seguir en Pontevedra por diante de grandes ofertas de clubs europeos que nada teñen que ver connosco no deportivo nin no económico", sinala o director deportivo do club, Jesús Pereiro.

Deixando atrás o "annus horribilis que foi a tempada en División de Honra", o Ravachol afronta con ilusión o próximo reto. "A tempada foi moi dura, pero tamén serviu como aprendizaxe e experiencia de fronte ao futuro. Temos un equipo moi novo e un club con poucos anos de vida, debemos aprender, mellorar e mirar ao futuro coa ilusión que sempre caracterizou este proxecto", conclúe Pereiro.

Doutra banda, ata Santander desprazouse Raquel Miguens para disputar unha proba de máster nacional  senior. A capitá do primeiro equipo volveu demostrar o seu nivel nunha proba de máxima categoría nacional, ao vencer tanto na modalidade de dobres feminino como en dobres mixto.