O Club Bádminton Ravachol observa con atención e esperanza os cambios aprobados pola Federación Española para a División de Honra, ampliando a liga de 8 a 10 clubs.
Esa ampliación abre a posibilidade ao club pontevedrés de optar a unha das novas prazas e evitar o descenso para permanecer por segundo ano na máxima categoría nacional.
"Manterse na elite sería un premio a tanto esforzo realizado a tempada pasada, e se atopamos patrocinadores, Pontevedra poderá seguir sendo sede do mellor bádminton nacional", explica o director deportivo do club, Jesús Pereiro.
O Ravachol está a estudar a posibilidade de seguir en División de Honra, aínda que consciente de que para iso necesitaría ampliar o seu orzamento. "A día de hoxe, a planificación enfócase na liga de Primeira Nacional, unha liga cunhas esixencias económicas e deportivas menores que a División de Honra, polo que a posibilidade de manter a categoría xera unha necesidade urxente de atopar patrocinadores que completen un orzamento xa de seu escaso. Estamos a traballar activamente na procura de empresas que queiran vincular a súa imaxe á nosa entidade", sinala o responsable do equipo.
Mentres esta vía non se concreta o Bádminton Pontevedra segue dando pasos na súa planificación deportiva e anunciou a renovación de Alejandro Nogueira, peza clave nos últimos anos na pista e tamén fóra dela, ao exercer como segundo adestrador en División de Honra.
En tres tempadas, o xogador estradense xogou 60 partidos de liga co Ravachol, gañando 41 deles.
"Espero axudar en todo o posible e que a situación se poña mellor para poder volver adestrar e competir con menos dificultades. Estou con moitas ganas de achegar ao equipo un ano máis", sinalou Nogueira tras confirmarse a súa renovación, que se une ás anunciadas previamente de Manuel Brea, Gabriel Fernández e Georgina Bland.