Despois de confirmase a súa continuidade na División de Honra, ao aceptar a invitación da Federación Española a ocupar unha das prazas dispoñibles tras a ampliación da máxima categoría, o Club Bádminton Ravachol púxose ao choio para reforzar o seu plantel co reto de lograr a permanencia.
O primeiro deses movementos en cristalizar foi a fichaxe de Jacobo Fernández, unha das grandes promesas do bádminton nacional.
O vigués, de 18 anos e actual campión de España júnior, chega ao club pontevedrés en calidade de cedido desde o CB Cíes nunha tempada na que pasará a adestrar no Centro de Alto Rendemento Joaquín Blume de Madrid, onde compartirá preparación diaria coa campioa mundial e olímpica Carolina Marín.
"A fichaxe de Jacobo supón un reforzo moi importante na parte masculina do equipo, xa que é un xogador que pode defender con garantías tanto a modalidade individual como os dobres. Actualmente, a pesar de ter só 18 anos, xa conta cun altísimo nivel de xogo, e seguro que en Madrid, adestrando á beira dos mellores, continúa a súa progresión, polo que a súa achega ao equipo promete ser determinante", sinala sobre a súa incorporación o director deportivo do Ravachol, Jesús Pereiro.
A pesar da súa mocidade Fernández conta no seu palmarés con sete títulos nacionais en categorías inferiores e ata 27 medallas no circuíto europeo que lle colocan como xogador galego máis laureado a nivel internacional.