Ana Carbón confirma a súa continuidade no proxecto de División de Honra do Ravachol

Pontevedra
28 de xullo 2021

A xogadora cumprirá a súa quinta tempada no conxunto pontevedrés, co que disputou 78 partidos e asinou 56 vitorias que resultaron fundamentais para conseguir dous ascensos de categoría

Ana Carbón, xogadora do Badminton Ravachol Pontevedra
Ana Carbón, xogadora do Badminton Ravachol Pontevedra / Ravachol Pontevedra

O Ravachol Pontevedra seguirá contando, para a súa recentemente confirmada permanencia en División de Honra, con Ana Carbón, peza fundamental nas  aliñacións e artífices dos dous últimos ascensos da entidade. A xogadora estradense cumprirá o próximo curso a súa quinta tempada en Pontevedra.

Con 78 encontros disputados  e un historial de 56 vitorias, Carbón asegura estar con "moitas ganas de empezar esta tempada para seguir gozando do bádminton co meu equipo. A permanencia en División de Honra é un plus de motivación para todos e ímonos a deixar a pel na pista por conseguir a permanencia outro ano máis".

A pesar de compaxinar a carreira de medicina co deporte, con todo o esforzo que iso supón, a galega foi sempre a punta de lanza do proxecto do club na liga, e no club esperan que na nova tempada siga achegando a súa calidade deportiva e humana ao equipo.

Jesús Pereiro, director deportivo, mostrábase moi satisfeito coa continuidade de Carbón. "Ana é a alma do equipo, a xogadora que apostou desde o primeiro momento por este proxecto e que catro anos despois segue dándoo todo polo club. Estamos felices de poder seguir contando con ela e agradecidos de que nunca dubidase da súa continuidade, nin co descenso de categoría nin agora coa permanencia", valorou.