A Federación Española ofrece ao Bádminton Ravachol unha praza en División de Honra

Pontevedra
26 de xullo 2021

A ampliación da máxima categoría, pasando de 8 a 10 equipos, posibilitará a permanencia do club pontevedrés na elite. "Estamos moi contentos con esta oportunidade, aínda que a planificación deportiva e económica non estaba enfocada á División de Honra", sinalan desde o club

Partido entre o Club Bádminton Ravachol e o Arjonilla
Partido entre o Club Bádminton Ravachol e o Arjonilla / Cristina Saiz

A aventura do Club Bádminton Ravachol na División de Honra terá unha segunda parte, evitando o descenso certificado na pista tras a súa primeira campaña na elite.

A Federación Española de Bádminton ofreceu este luns de maneira oficial unha praza ao club pontevedrés para permanecer na máxima categoría, tras unha reestruturación que ampliará de 8 a 10 os equipos participantes.

"Estamos moi contentos con esta oportunidade, aínda que a planificación deportiva e económica non estaba enfocada á División de Honra, polo que teremos que redobrar esforzos para poder sacar adiante o proxecto", sinalou tras coñecer a noticia o director deportivo do Ravachol, Jesús Pereiro.

"Para seguir entre os mellores de España necesitamos manter o plantel e reforzalo para non ter os problemas do ano pasado, polo que a chegada de patrocinadores é vital", recoñece Pereiro.

Desta forma e a falta de coñecer o décimo equipo que completará a División de Honra, acompañarán o Ravachol na máxima categoría nacional o Oviedo, San Fernando Valencia, Rinconada de Sevilla, Alicante, Granada, Arjonilla de Xaén, Benalmádena de Málaga e o Pitius de Eivissa.

Confirmada a súa continuidade na elite, o Ravachol avanza que traballa xa non só en completar as renovacións senón en pechar posibles fichaxes que lle permitan afrontar con garantías o seu segundo ano entre os mellores.