Desde o pasado 1 de maio, e ata o próximo 11 de xullo, Jean Marie Okutu traballa cun só obxectivo en mente, clasificarse para os Xogos Olímpicos.
Niso anda o atleta marinense do Fútbol Club Barcelona, pero para iso debe bater a súa mellor marca persoal en salto de lonxitude (8,04 metros) e saltar 8,15 metros, distancia esixida pola IAAF.
Polo momento Okutu conseguiu a mellor marca nacional do ano, grazas aos 7,84 metros que saltou, precisamente, no escenario que centra os seus soños, o Estadio Olímpico de Río de Janeiro.
Fíxoo no Campionato Iberoamericano, ao que se desprazou xunto ao equipo nacional e no que se colgou a medalla de prata con ese salto, o último do concurso, co que superou ao brasileiro Mauro Silva (7,61 metros). O gañador foi o uruguaio Emiliano Lasa con 8,01 metros.
É a segunda vez que Jean Marie Okutu participa nun Campionato Iberoamericano. Na ocasión precedente, no ano 2012 en Barquisimeto (Venezuela), tamén conseguiu a medalla de prata.