O soño de Jéssica Bouzas no WTA 1.000 de Montreal chegou ao seu fin.
A arousá asinou os seus primeiros cuartos de final nun torneo desta categoría, pero non puido seguir avanzando tras caer na madrugada deste martes ante unha das novas estrelas do tenis mundial, a canadense Victoria Mboko.
A nova xogadora, de 18 anos, superou a Bouzas 6-4 e 6-2 en 1 hora e 18 minutos de partido.
Jéssica tivo opcións no inicio do encontro, pero non puido co ímpeto de Mboko, apoiada pola bancada local.
Unha derrota en todo caso que non embaza a gran traxectoria da de Vilagarcía, que asegurou volver marcar o mellor ranking mundial da súa carreira deportiva.
Cos puntos sumados en Montreal, Jéssica Bouzas aprecerá o vindeiro luns 11 de agosto no posto 43 da clasificación WTA.
Desta forma estará xa moi preto do mellor ranking logrado nunca por unha tenista galega.
Esa barreira é a que marcou en setembro de 2006 a pontevedresa Lourdes Domínguez, cando figurou no posto 40 da clasificación mundial.