Jéssica Bouzas gaña á xaponesa Ito e estréase en oitavos de final dun WTA 1.000

O Salnés
01 de agosto 2025

A tenista arousá meteuse por primeira vez na súa carreira en oitavos de final dun torneo de categoría WTA 1.000, e asegúrase xa seguir avanzando posto no ranking mundial

Jéssica Bouzas, nun adestramento de España na Billie Jean King Cup
Jéssica Bouzas, nun adestramento de España na Billie Jean King Cup / RFET

Novo logro desbloqueado para Jéssica Bouzas.

A tenista de Vilagarcía de Arousa venceu na madrugada deste venres á xaponesa Aoi Ito na terceira rolda do WTA 1.000 de Montreal en Canadá.

Fíxoo fiel ao seu estio, pelexando até o final para remontar un duelo que se lle puxo costa arriba no primeiro set.

Foron 2 horas e 14 minutos de loita resumidos nun tenteo de 4-6, 7-5 e 6-4.

Un resultado que mete a Bouzas por primeira vez na súa carreira nos oitavos de final dun torneo WTA 1.000, a maior categoría despois dos grand slam.

A vitoria suponlle ademais asegurarse saír de Montreal co mellor ranking da súa carreira. Polo momento é xa virtualmente a 47 mellor raqueta da clasificación WTA, posto que podería aínda mellorar de seguir avanzando no cadro do torneo.

Terá unha boa oportunidade para iso, xa que a súa rival por entrar nos cuartos de final será a chinesa Lin Zhu, actual 493 nas listas pero que xoga con ranking protexido ao saír de lesión. De feito en 2023 chegou a ocupar o número 31 do ranking.

Será a primeira vez que ambas as dúas vexan as caras no circuíto profesional.