Jéssica Bouzas, cada vez máis preto do Top-100 mundial tras facer final no W100 de Maspalomas

O Salnés
14 de agosto 2023

A tenista arousá marca este luns o posto máis alto da súa carreira no ranking WTA, co número 131. O seu próximo obxectivo, a fase previa do US Open co reto de clasificarse para o cadro final do Grand Slam

Jéssica Bouzas, subcampioa do Torneo W100 de Maspalomas
Jéssica Bouzas, subcampioa do Torneo W100 de Maspalomas

A gran tempada que está a protagonizar Jéssica Bouzas está a provocar que siga escalando postos na clasificación mundial, estando cada vez máis preto de romper a barreira do Top-100 e entrar de cheo na lista das mellores raquetas do planeta.

A tenista arousá marca este luns 14 de agosto o posto máis alto da súa carreira no ranking WTA, co número 131, e faio despois de chegar ata a final no torneo W100 de Maspalomas, en Gran Canaria.

Bouzas protagonizou un gran torneo nas illas, vencendo na semifinal á neerlandesa Arantxa Rus, número 41 mundial e principal cabeza de serie.

No que respecta ao partido polo título foi superada pola segunda favorita, a austriaca Julia Grabher, en dúas mangas (4-6 e 4-6), unha xogadora que coa súa vitoria sobe ao posto 54 da clasificación.

A pesar desa derrota as sensacións de Jéssica en Maspalomas foron inmellorables, dando continuidade aos resultados dunha tempada na que conquistou o seu primeiro título W60 en Roma, foi finalista en Praga, cuartofinalista no WTA 125 de Valencia e conseguiu clasificarse para o cadro final do seu primeiro Grand Slam, en Wimbledon.

Precisamente coarse nun novo 'grande' é agora o seu próximo gran reto, xa que no horizonte aparece xa a fase previa do US Open, último Grand Slam da tempada.