Terá que esperar polo menos un ano máis Jéssica Bouzas para estrearse no cadro final do Open de Australia, primeiro Grand Slam da tempada tenística.
A tenista arousá caeu este martes en Melbourne na súa estrea na fase previa do torneo nun igualado encontro fronte á india Ankita Raina, número 223 do ranking WTA.
A batalla prolongouse durante case tres horas de duración, tempo no que Bouzas chegou a gozar dunha pelota de partido que non puido aproveitar.
Foi a súa rival, á que superara o curso pasado na previa de Wimbledon, a que se apuntou a primeira manga por un tenteo de 6-4, pero Jéssica reaccionou no segundo set cun 5-7 ao seu favor que deixaba todo para o terceiro e decisivo parcial.
Ese terceiro set, cheo de tensión, terminouse decidindo no desempate, caendo por pequenos detalles a favor da deportista india.