Jéssica Bouzas cae en Australia plantando cara á número un do mundo

O Salnés
15 de xaneiro 2025

A tenista arousá deixou unha gran imaxe ante a gran favorita e vixente campioa do Open de Australia, Aryna Sabalenka, pero terminou cedendo en dúas disputadas mangas

Jéssica Bouzas adestrando con España na Billie Jean King Cup
Jéssica Bouzas adestrando con España na Billie Jean King Cup / RFET

Despedida do Open de Australia en segunda rolda para Jéssica Bouzas, pero adeus coa cabeza alta.

A tenista arousá plantou cara, e de que maneira, ao número un mundial e vixente campioa do primeiro grand slam do ano, a bielorrusa Aryna Sabalenka, que terminou aplaudindo sobre a pista o nivel mostrado por Bouzas.

Sabalenka tivo que empregarse a fondo para pechar ao seu favor o primeiro set por 6-3, cunha Jéssica que asinaba grandes puntos e mesmo facía dano ao resto.

Mellor lle foi na continuación, e é que o segundo parcial chegou a estar ao alcance da arousá.

Cun gran tenis, Jéssica Bouzas chegou a situarse 2-5 con opción de pechar a manga ao seu servizo e forzar o desempate.

Foi aí cando emerxeu a mellor Sabalenka para levar cinco xogos consecutivos e sentenciar o partido cun 7-5.

Unha derrota que non embaza a boa imegan deixada por Bouzas, despedida cunha gran ovación da pista central do Melbourne Park.

Péchase así a súa primeira participación no cadro final do Open de Australia.