Jéssica Bouzas, coa Selección Española nas finais da Billie Jean King Cup

O Salnés
29 de outubro 2021

A tenista arousá desprazouse a Praga como 'sparring' do equipo español que participará nas finais da competición de seleccións máis importante do mundo, a antiga Copa Federación

Jéssica Bouzas, adestrando coa Selección Española en Praga nas finais da Billie Jean King Cup Álvaro Díaz / RFET

Ten só 19 anos pero é xa una das xogadoras de maior proxección do panorama nacional. Así o entende tamén a Real Federación Española de Tenis, que convidou a  Jéssica Bouzas a formar parte do equipo nacional que competirá nas finais da  Billie Jean King Cup.

Trátase da competición por seleccións máis importante do tenis mundial, anteriormente coñecida como Copa Federación, e cuxa fase final celébrase nesta ocasión na República Checa.

En Praga atópase xa co resto de seleccionadas a tenista arousá, actual número 357 do ranking tras unha gran escalada esta tempada, aínda que no seu caso farao para participar como 'sparring' das súas compañeiras nos adestramentos.

Ante as ausencias das dúas principais raquetas españolas da clasificación WTA, Garbiñe Muguruza e Paula Badosa, representarán ao equipo español Carla Suárez, Rebeka Masárová, Sara Sorribes e Nuria Párrizas, pero coa súa convocatoria a seleccionadora Anabel Medina quixo demostrar a confianza depositada na xove promesa do tenis galego.

A fase final da Billie Jean King Cup disputarase entre o 1 e 6 de novembro en Praga, con 10 nacións participantes, quedando España encadrada no Grupo C xunto a Eslovaquia e Estados Unidos.