Jéssica Bouzas comeza con paso firme no WTA 1.000 de Wuhan

O Salnés
06 de outubro 2025

A tenista de Vilagarcía superou con solvencia a primeira rolda do último torneo WTA 1.000 do ano e xa mira cara á súa próxima rival, a número 4 mundial Amanda Anisimova

Jéssica Bouzas, no US Open 2024
Jéssica Bouzas, no US Open 2024 / RFET

Positiva estrea de Jéssica Bouzas no último torneo WTA 1.000 da tempada, o Wuhan Open que se disputa en China.

Nun duelo marcado polas altas temperaturas, que obrigaron a atrasar o partido, a tenista arousá arrincou con paso firme vencendo a francesa Varvara Gracheva, número 82 do ranking mundial.

Bouzas superou o envite nunha hora e vinte e catro minutos gañando en dúas mangas, por 7-6 e 6-2.

Unha estrea convicente e que lle permite mirar xa hacian o duro obstáculo que espera na segunda rolda.

Esa rival é unha das tenistas máis en forma do circuíto, a estadounidense Amanda Anisimova.

Trátase da actual número 4 da WTA e que esta tempada foi finalista en dous dos grandes, Wimbledon e o recente US Open. Ademais vén de levantar o título do China Open disputado en Beijing.

Será a primeira vez que ambas as dúas se midan cara a cara nun torneo profesional.

Este triunfo en primeira rolda do WTA 1.000 de Wuahn permite a Jéssica Bouzas situarse virtualmente e á espera do resto de resultados desta semana no posto 40 da clasificación mundial, igualando o máis alto da súa carreira.