Jessica Bouzas coróase en México

O Salnés
18 de febreiro 2024

Trátase do segundo título da tempada para Bouzas, que asina así un inicio de tempada maxistral en canto a xogo e resultados que lle permiten ascender ao posto 132 provisional da clasificación mundial WTA e ao 98 da clasificación olímpica  

A tenista arousá Jéssica Bouzas durante un torneo Federación Galega de Tenis

A arousá Jéssica Bouzas proclamouse campioa do W50 Morelia que se disputou en Michoacán (México) durante toda esta semana.

Trátase do segundo título da tempada para Bouzas, que asina así un inicio de tempada maxistral en canto a xogo e resultados que lle permiten ascender ao posto 132 provisional da clasificación mundial WTA e ao 98 da clasificación olímpica.

A choiva que caeu ao longo da xornada do venres obrigou a disputar a semifinal e a final o sábado, condicionando á tenista galega a recuperarse á velocidade da luz para disputar dous partidos nun rango de tan só dúas horas de diferenza.

No primeiro deles, Bouzas tivo que remontar ante a alemá Jule Niemeier, número 126 do mundo e cabeza de serie número 2 do evento, que levou o primeiro set por 6-4. Jéssica, lonxe de vir abaixo, repúxose, pelexou ata a última bóla e gañou o segundo e o terceiro set (6-3 e 7-5) para meterse de cheo na gran final.

E foi tan só dúas horas despois cando chegou o enfrontamento decisivo do W50 Morelia entre Jéssica Bouzas e a norteamericana Hailey Baptiste, número 114 do mundo.

De novo foi un exercicio de superación da tenista arousá e levou o primeiro set ao tiebreak. No desempate ía 5-1 abaixo, logrou igualar e dispoñer de bóla de set, pero foi a norteamericana a que se impuxo por 13-11 para facerse co primeiro set da final.

O segundo foi carne sen ósos para Bouzas e esmagou a Baptiste. Púxose 5-0, a norteamericana gañou a súa saque, pero a galega pechou o set nun contundente 6-1.

Con todo por decidir chegouse ao terceiro e definitivo set, no que a tenista vilagarciá salvou ata tres bólas de partido para seguir alongando o encontro (5-4). Co 6-5, Baptiste dispuxo doutro punto de partido, pero Bouzas resistiu, mandou o set ao tiebreak e finalmente gañou por 7-5 para coroarse no W50 Morelia.